Recordamos a Carvalho Calero

O día das letras galegas deste ano 2020, como todo el,  é un pouco diferente….En maio,  dende a casa, o noso alumnado traballou  e aprendeu moito sobre a vida de Ricardo Carvalho Calero , e claro, como non se homenaxeou como se merece, decidiron adialo ao 31 de outubro, xusto o día seguinte da conmemoración do 110 aniversario do seu nacemento.

Ricardo Carvalho Calero foi profesor de Lingüística e Literatura Galega, licenciado en Dereito e Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, doutor en Letras pola Universidade Central de Madrid, ademais de escritor e poeta, foi unha das figuras máis relevantes  da cultura galega da segunda metade do século XX. Durante toda a súa vida exerceu como secretario do Seminario de Estudos Galegos, membro da Real Academia Galega e director do Colexio Fingoi (entre 1950 e 1965).

Por todo isto, os alumnos e as alumnas do cole achegaron os  retratos de Carvalho Calero que fixeron en maio e agora amósannolo a todos. Como podedes ver….son uns e unhas artistas!

Ademais, dende a radio e nas aulas dedicarémoslle unhas verbas a este intelectual ferrolán que fixo tanto pola nosa cultura.

Graciñas, rapazada,  polas vosas obras. Son unha marabilla!

Celebracións do outono

Pois alá imos…..

Os/as nosos/as alumnos/as fixeron unha investigación moi interesante sobre as festas do Outono, Queredes coñecer o que atoparon?

O Samaín é unha festividade de orixe celta na que se celebraba o fin da tempada de colleitas e era como “Ano novo Celta”. A partir dese momento comezaba a estación “escura”. O seu propio nome significa “Fin do verán”.

Na zona de Carballo,  Coristanco…que é de onde procede a meirande parte do noso alumnado segundo as investigacións realizadas, na época dos seus avós e das súas avoas a festa do Samaín era coñecida,, aínda que moitos non lle daban ese nome, senón que era a noite que precedía ao día de Tódolos Santos, pero si que a celebraban.

Baleiraban as cabazas sementadas durante o ano, facíanlle os ollos,  decorábanas e metíanlle candeas. Despois colocábanas nos camiños para afastarse aos “malos espíritos”. Pero tamén as cabazas servían como alimento para os animais ademais do millo.  Tamén se lle coñece como “melóns”.  Tamén se lle botaba cabaza ao caldo e en moitas ocasións substituía ás patacas. E a quen non lle vai gustar un alimento tan sabedor!

Pero falemos da festa   que de iso os galegos e as galegas sabemos moito! Pois como toda tradición galega, ese día estaba acompañado de boa comida como filloas, que tamén se comen no entroido, caldo, castañas, chourizo… e bebían viño, anís, queimada  e todo iso con boa música de pandeireta e gaitas.

Na zona de costa, neste día tamén era moi habitual pedir, sobre todo nas tabernas da aldea, cacahuetes e doces, pois daquela era un luxo para moitas familias poder gozar destes caprichos. A rapazada vestíase con trapos vellos para conseguir  doces dalgún veciño.

Despois de tanta festa, tocaba celebrar un día moi sagrado, O día de Tódolos Santos e Fieis Defuntos, onde maiores e pequenos ían ao cemiterio  levar flores aos seus defuntiños. Era un día de loito. A familia xuntábase e despois de ir á misa quedaban na casa arredor da lareira.

O Magosto era moi similar. Despois dun duro traballo de colleita das castañas onde axudaban todos os veciños, xuntábanse arredor da lareira e asábanas na cociña de ferro ou  cocíanas con névedas, fiúncho, anís ou leite. Despois facían unha boa foliada con cantos tradicionais, pandeiros e pandeiretas e comían e bebían facendo moita festa. Tamén facían chulas con fariña de trigo e freixós. Esta festa coincidía en moitos lugares coa fin da vendima polo que tamén gozaban do viño novo dese ano. Ademais para a celebración do Magosto a rapazada lucía colares de castañas. E sabedes que? Gañaba o máis longo, cantas máis voltas lle daba arredor do pescozo, mellor!

Hoxe en día, os festexos cambiaron moito, puxémoslle nomes, ás veces deixámonos influenciar por outras culturas…pero o ambiente de festa que nos caracteriza aos galegos e as galegas segue presente. Esas ganas de xuntarnos, compartir unha boa comida e cantar, bailar ata esgotarnos,  non se esquece. Agora temos que vivir con esta nova situación; sen dúbida, este ano non se esquecerá tan rápido pero… Ánimo familias! Porque estamos seguros que moi cedo poderemos volver a compartir bos momentos e continuar coas tradicións que tanto marcaron a vida dos nosos maiores.

Lembrade:

“A castaña no magosto enche a pota e mais o forno”

Un Samaín diferente

Hoxe celebramos no colexio o Samaín. Dun xeito diferente, porque o coronavirus anda por aí …. aínda que de momento, ao noso colexio non chegou. Será que lle metemos medo?

Habedes de saber que, en moitas vilas galegas cando chegaba este tempo, tiñan unhas costumes moi particulares, por iso, desde o EDLG tratamos de investigar como  se celebraba esta festividade nas nosas parroquias. Para este fin,  elaboramos unha breve entrevista que vós, nenos e nenas do colexio, deberedes facerlle aos maiores da familia, os avós e avoas. De paso que aprendedes da súa experiencia e sabedoría, aproveitades para falar con eles, e, se pode ser nunha lareira a carón do lumiño, mellor que mellor.

Estas entrevistas tamén as podedes gravar e así non vos esqueceredes de nada. Cando teñamos toda a información, analizaremos o resultado e publicarémola neste blog.

Ademais, grazas á colaboración de Leoteca, gozaremos cunhas lecturas terroríficas e co visionado dun conto monstruoso. Están no blog de Leoteca: https://bibliocanosa.blogspot.com/

Que esta situación non agoche os nosos sorrisos aterradores!

Cuidámosvos, abelliñas!

O alumnado de 3º e 4º ten moi claro que as abellas son uns insectos moi importantes para a polinización das plantas  e ademais producen un rico mel. Tamén saben que están seriamente ameazadas polo uso de pesticidas  e polas s avespas velutinas, que son unhas depredadoras voraces. Todos debemos colaborar na súa protección. Velaquí algúns carteis que elaboraron os nosos nenos e nenas.

DENTRO VÍDEO!

Nas últimas semanas, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do colexio, en colaboración co resto do profesorado, elaborouse un vídeo con moitas das creacións literarias e artísticas dos vosos fillos/as que podedes ver na seguinte entrada do blog e Leoteca.  Queremos agradecer unha vez máis ao noso alumnado e ás súas familias o seu esforzo por continuar traballando nas diferentes modalidades do Certame Literario, que, polo motivo de todos coñecido, non puido levarse a cabo.

Tamén se fixo complicado supervisar debidamente por medios telemáticos as producións dos nenos, polo que agardamos que poidan disculpar os erros que poida haber.

O EDLG, ten moi claro que a mellor homenaxe que se lle pode facer ao escritor homenaxeado, o profesor Ricardo Carvalho Calero e aos nosos devanceiros, que mantiveron viva a nosa lingua, é escribir e falar en galego. É esta a única maneira de que lla poidamos transmitir aos nosos fillos…Cando a levamos no corazón!

Dentro vídeo!

https://bibliocanosa.blogspot.com/2020/05/traballos-elaborados-polo-noso-alumnado.html