AMAMOS O MAR

P1210424

O martes 15 de outubro, o alumnado  de 3º e 4º de Educación Primaria, realizou a súa primeira saída do curso relacionada co Proxecto Documental Integrado, que leva por título AMAR O MAR.

Visitamos en primeiro lugar o Arquivo de Pesca, en Caión, onde Miguel nos explicou a importancia da caza da balea franca nos nosos mares. Mesmo nos mostrou unha costela e una barba do cetáceo.  A barba tiña máis de trescentos anos e non nos permitiu tocala porque se podía deteriorar.  Tamén nos explicou algunhas artes de pesca, como a do cerco e o palangre e vimos un video de como se realizaba a caza da balea antigamente.

Tamén nos mostrou unha botelliña que contiña aceite de balea. Este produto tiña un gran valor e por iso se acabou coa vida destes mamíferos mariños.

P1210436

Despois fomos andando ata a cetárea, onde nos recibiu María José, que é bióloga. Vimos crustáceos como centolas, bois e  lumbrigantes. Explicounos como era o corpo destes animais, como diferenciar a femia do macho, a súa alimentación.. E deixounos tocalos!

Mostrounos a muda dun lumbrigante. Contounos que os crustáceos cambian o seu coiraza dura para poderen medrar. Cando efectúan “a muda”, quedan  co corpo brandiño, e teñen que agocharse dos outros animais, porque os poden comer máis facilmente.  Díxonos que ela viu como fixo a muda un lumbrigante na cetárea e tiveron que apartalo de xunta os outros, para que non lles servira de cea.

Tamén nos levou á depuradora, onde se limpan os mexillóns e as ameixas que lle chegan das bateas. Normalmente tráennos da Ría de Arousa. Sorprendeunos que un mexillón  poida filtrar dous litros e medio de auga ao día. Bebendo tanto, ten que quedar ben limpiño!

P1210467

Para rematar, Evaristo Domínguez descubriunos a “praia fósil” de Razo. A nosa intención era aproveitar para apañar plásticos por toda a praia pero….Empezou a chover! Que pena!

 

María Canosa, na Canosa

P1210112.JPG

O luns 20 de maio recibimos no colexio  á escritora María Canosa. O alumnado de 2º e 3º de primaria leron o seu poemario Acuario, e María asinoulle os libros ao final do acto.

Contounos que se sentía moi contenta de estar nun colexio onde xa viñera  súa nai, a tamén escritora Concha Blanco, xa haberá uns vinte anos.

As nenas e nenos formuláronlle preguntas como: Canto tempo che leva escribir un libro?, Que sentes cando escribes poesía?, Cal e o teu escritor favorito?, Que afeccións tes?….

Descubrimos que admira a Castelao e a súa nai, que lle gusta pasear, ir á praia, ler e estar cos seus fillos; que ten moitas ocupacións e que non pode dedicarlle a escribir todo o tempo que quixera…

P1210121

Tamén se someteu ás preguntas de catro pequenas xornalistas  na  radio do colexio,  Canosa Onda. María Canosa  bromeu co seu apelido: o noso colexio é o Canosa-Rus e a radio é Canosa Onda. Vaia homenaxe lle fixemos!

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

P1200860

Hoxe, 16 de maio, celebramos no noso colexio o Día das Letras Galegas, no que homenaxeamos a Antón Fraguas e tamén a outros escritores. Estas foron as actividades :

1º O alumnado de 6º realizou unha breve representación teatral sobre algúns escritores galegos que xa foron homenaxeados  incluíndo unha referencia á vida de Antón Fraguas.

2º Dúas mestras, María e Ana, interpretaron coas súas gaitas o HIMNO GALEGO.

3º O alumnado de 3º e 4º e unha nena de 6º recitaron poesías de varios poetas galegos: Antón Cabanillas, Manuel María, Rosalía de Castro…

4º Varios  alumnos  de 5º, faláronnos da importancia do Museo de Pobo Galego  e outros  explicaron o funcionamento dalgúns dos aparellos que temos na exposición de obxectos antigos: rastrelo, buceira, carro, lámpada de aceite, escorredor de rixóns, romana, cortizo… Vaia homenaxe a este museo!

5º Entregamos os agasallos aos premiados da XXI edición do Certame Literario nas modalidades de Narrativa, Banda Deseñada, Poesía, Debuxo e Monográfico. Graciñas a todos os participantes!

Para rematar o acto, cantamos todo xuntos a canción de “O carro ” de Fuxan o ventos.

Para  confeccionar a imaxe xigante de Antón Fraguas, cada aula decorou unha peza a modo de puzle. Quedou bonita!

P1200865

Recitado de 3º

ROSALÍA SEMPRE VIVA

RECITADO

O 6 de abril, na Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, celebrouse a V Edición do Concurso de recitado “Rosalía sempre viva”.

Catro alumnos/as  do noso centro xunto con moitos outros de toda Galicia, participaron neste recitado. Unha na de 6º gañou o 1º premio na súa categoría, recitando un poema de Rosalía titulado “ Nasín cando as prantas nasen” e un de 6º unha mención honorífica, co poema “Galiza”, de Manuel María.

Se queredes saber máis sobre este evento  podedes visitar este páxina: www.casamuseomanuelmaria.gal.

Seguide sempre amando e disfrutando da nosa lingua!

É tempo de entroido!

 

O 1 de marzo, celebramos o entroido no colexio. Este ano, os disfraces estaban relacionados co mundo da investigación, da ciencia e dos inventos. Todo isto relacionado co Proxecto Documental Integrado no que estamos traballando este ano, que leva por título “ ConCiénciate”. O centro encheuse de  científicos tolos, robots, coches, Maries Curies, algunha lavadora… e ata unhas velliñas que viñan de moer.

P1200389

Pero nun entroido  de valer  non pode faltar unha boa merenda a base de filloas, orellas, rosquillas, retorcidos, biscoitos e chocolate.  Ata puidemos degustar filloas feitas no momento nunha  filloeira!

P1200409

O alumnado de sexto, aproveitou para vender colgantes, marcadores, chaveiros …deseñados por eles e impresos coa impresora 3D. Foi un éxito!

P1200457

Colgantes á venda

Coñecemos os entroidos de Ourense

P1200364

 

A mestra de 6º de Educación Infantil, explicoulle a varios cursos como se celebra o entroido nalgunhas vilas de Ourense, centrándose nos BOTEIROS de Viana do Bolo, a súa vila natal.

O BOTEIR0

  • É a figura máis importante do Entroido de Viana do Bolo.
  • Danza abrindo paso ao Folión ou acompaña (sempre en parella) ás Comparsas, amosándolle aos integrantes destas comitivas a ruta a seguir no desfile.
  • Os seus chimpos, berros e movemento de esquilas fan que non pase inadvertido e se converta no auténtico protagonista da festa do entroido.
  • Ademais do Boteiro vianés cabe sinalar o Boteiro de Vilarmeao, que se viste como o de Viana pero varía na Pantalla, xa que a substitúe por un sombreiro en forma de cono adornado con grilandas en espiral e tamén na Careta, que é de cartón, mentres que o boteiro tena  de madeira. Danza sempre en círculos ao ritmo que lle marca o Folión. https://www.youtube.com/watch?v=oyZo7kN_m5k

P1200340

Mural do vestíbulo co boteiro e pantallas.